Friday 17 de May de 2024

A contía do apoio a empresas e institucións para a promoción e desenvolvemento turístico de Galicia medra un 11% en relación a 2014


Este departamento da Xunta destinará este ano 640.000 euros ao impulso da calidade e a potenciar os concellos e as festas de interese turístico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe en Santiago o programa de axudas económicas do 2015 que ten previsto outorgar o seu departamento cun orzamento que aumenta nun 11% en relación ao pasado ano.

Así, Nava Castro anunciou hoxe que Turismo de Galicia achegará este ano un total de 640.000 euros para o impulso á calidade no sector empresarial, a potenciación dos concellos turísticos e as festas de interese turístico. Estas axudas poderanse solicitar a partir da semana que vén tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Calidade turística
No eido da calidade turística, Nava Castro lembrou que as axudas que dedicará o seu departamento están dirixidas a establecementos de turismo rural, hoteis, apartamentos turísticos e vivendas vacacionais; así como cámpings, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios, co obxecto de que obteñan o distintivo Q do Instituto para a Calidade Turística de España (ICTE).

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia manifestou que o “acceso xeneralizado ao consumo turístico implica un cambio no comportamento dos viaxeiros e un crecente nivel de esixencia”, e así, “os destinos que abordan unha correcta estratexia de calidade son os que obteñen maiores índices de satisfacción do turista”.

E así, Nava Castro remarcou que desde Turismo de Galicia “somos conscientes de que a calidade dos establecementos e produtos turísticos convértese nun feito diferencial que lles proporciona unha vantaxe competitiva fronte a outros destinos con oferta similar”.

A liña de subvencións para a obtención do Q de Calidade Turística está dotada en 2015 con 90.000 euros que como manifestou a directora de Turismo de Galicia ten por obxectivo “impulsar, promover e apoiar as iniciativas de calidade necesarias para cumprir os esixentes estándares fixados polo ICTE”.

Neste eido, Nava Castro lembrou que Galicia liderou o ano pasado a oferta de establecementos turísticos certificados co Q de Calidade Turística, cun total de 268 aloxamentos e servizos turísticos certificados. Ademais, en 2014, un total de 160 negocios e centros de hostalaría, restauración e lecer do territorio galego obtiveron axudas da Administración Turística galega, e destes, 25 estrearon o distintivo Q, mentres que 135 recibiron subvencións para a renovación e seguimento das correspondentes normas UNE.

Municipios turísticos
Na presentación das ordes de subvencións do seu departamento para o ano 2015, a directora de Turismo de Galicia referiuse ás subvencións para a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos.

Neste sentido, Nava Castro lembrou que, ademais da calidade, Turismo de Galicia aposta polo apoio ao desenvolvemento dos destinos, neste caso os municipios turísticos, fomentando a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

Segundo Nava Castro, a afluencia turística nestes meses fai necesaria a ampliación do persoal dedicado á información turística, “de xeito que se potencie a imaxe do municipio de interese turístico así como a imaxe do destino Galicia no seu conxunto”.

A directora de Turismo de Galicia lembrou que esta orde de axudas permitiu en 2014 a contratación de 33 técnicos para as oficinas de información turística de 26 concellos de toda Galicia e máis do 60% dos municipios turísticos acolléronse a estas axudas.

Para 2015, esta orde de axudas está dotada con 250.000 euros e Turismo de Galicia incrementa as súas achegas en máis dun 42%, pasando de 175.000 euros en 2014 aos 250.000 euros de 2015.

Festas turísticas
Por último, Nava Castro presentou hoxe as axudas do departamento da Xunta que dirixe para o ano 2015 relativas á promoción e difusión das festas de interese turístico.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia considerou que este tipo de eventos “supoñen unha valorización da cultura e as tradicións populares e teñen unha especial importancia como atractivo turístico”.

Desde Turismo de Galicia, engadiu Nava Castro, “somos conscientes de que as festas, polas súas características e singularidades e polo recoñecemento e prestixio a nivel autonómico, son un recurso que manter e potenciar, xa que a súa celebración supón un importante recalmo de atracción turística”.

Por iso, salientou a directora de Turismo de Galicia, “fomentamos a súa difusión e promoción con iniciativas como a orde de axudas que estamos a presentar e que está dotada con 300.000 euros”.